Opinión

Os blablablás políticos e... de Piqué

Asemana pasada foi unha máis na que os blablablás políticos imperaron sobre a realidade social, sobre o vivir diario de cada español. Promesas electorais sobre programas que, co paso do tempo, non se cumprirán. En todas as convocatorias se manipulan datos e se fan estudos sobre educación, sobre sanidade, sobre emprego, e cando, instalados xa nas poltronas do Congreso e do Senado, tales asuntos repercuten negativamente, e de que forma, sobre o paisano de a pé. Principalmente, esas tres materias xa vemos como están, como marchan. E ante esta realidade, eles, dálle que dálle cós mitins, có “procés” e, agora, cos lazos amarelos. Isto dos lazos amarelos recoñezo que o levo mal... con todo o que hai que arranxar neste país.

Tamén houbo blablablás futbolísticos. Como non! Media semana de suspense, de tensión, case parándose o mundo... ata que chegou Zinédine Zidane. Agora si, agora a Terra xa volve xirar sobre o seu eixe. A pena foi que os eixes do Atlético de Madrid e do Sevilla si deixaron de xirar en Europa. Quen si ten bo eixe e que canta como cantaba un bo carro cargado de produtos agrícolas é Piqué. Si, xa sei que á inmensa maioría moléstalle a súa faceta política. Neste noso país sempre molestaron moito as verdades, e se non que llo pregunten a Javier Clemente, que era outro que “caía mal” porque sempre ía coa verdade por diante. Pois ben, tivo que ser un periodista de, precisamente o diario deportivo Marca (o que significa o diario do inimigo) o que o defendese dicindo que Piqué ten as súas inquedanzas coma calquera fillo de veciño, que as expresa e que as comparte. Os tempos de dicir iso de “ti dedícate ó teu” creo que xa pasaron.

Todos, absolutamente todos temos dereito a opinar de todo e sobre todo. Lembro hai moitos anos que, alguén, na sección de cartas ó director deste xornal, esbardallou contra un servidor porque escribira un relatiño en contra de algo do Real Madrid. “Ti fala de cine e non do que non entendes”, creo que dixo. Seguro que se non falara mal do Madrid non me diría iso. É igual, o caso é que, incluso eu, podo falar do Madrid, do Trump, dos buracos negros ou da leite avinagrada. Pois Piqué igual. Que sempre deu a cara. Pode non gustar, pero non por iso se pode criticar.

Te puede interesar