Opinión

Blake Edwards

A verdade é que cada vez que se nomea a Blake Edwards o entendemento de cada un tira cara ó director por excelencia de comedias. Pero hai que dicir que todos aqueles xéneros que tocou (practicamente todos) fíxoo con abondo éxito.

William Blake McEdwards naceu en Tulsa o 26 de xullo de 1922. Estudou o bacharelato nun colexio de Beverly Hills. Fillo dun director de escena, Edwards debutou como actor de cine baixo as ordes de Henry Hathaway e, despois de varias películas e da propia Segunda Guerra Mundial, como guionista en “Imperio do crime” (1948). Non tardaría en iniciar a súa colaboración con Richard Quine, un dos máis característicos directores de comedia dos anos 50 e 60, para quen escribiu, entre outras, “A miña irmá Elena” (1955) e “A misteriosa dama de negro” (1962), ademais de coincidir con dous enormes actores: Tony Curtis e Jack Lemmon.

“Bring Your Smile Along” (1955) foi a primeira película que dirixiu e escribiu Blake Edwards. Dende entón dirixiu en total 40 filmes, dos que foi guionista e coguionista, así como produtor e coprodutor. Tamén escribiu, por suposto, guións para que dirixiran outros e realizou series de televisión.

Edwards é o benxamín dunha escola, non formalizada como tal pero perfectamente recoñecible polo seu cine, que practicaba unha síntese da clásica comedia de enredo e o musical dos anos 50. Vincente Minnelli, Stanley Donen, Richard Quine e o propio Edwards, como directores e mesmo como bailaríns ou coreógrafos, crearon a imaxe cálida e entusiasta dun musical que descubriu o technicolor e sacou ó xénero dos seus tópicos e reducidos escenarios das salas de festas. As películas destes autores marcaron o momento culminante da comedia “sofisticada” e do musical presuntamente informal.

Así, por esa época, descubririamos a Edwards en “O temible Mr. Cory” (1957), con Tony Curtis. Pouco despois, co mesmo actor e Cary Grant realizaría “Operación Pacífico” (1959), ós que lle faría tripular un submarino pintado de cor rosa. No seguinte filme “Almorzo con diamantes” (1961) o espectador descubría xa ó gran Blake Edwards. A partir de aí, practicamente todo éxitos dos que xa falaremos.

Te puede interesar