Opinión

Bomba anatómica

O striptease do guante e a labazada de Glenn Ford a Rita Hayworth fixeron dunha historia romántica e negra un escándalo maiúsculo en España. Os espectadores non daban crédito ó que vían na película “Gilda” (1946) cando se estreou no noso país no decembro de 1947. E iso que a publicidade do filme xa o advertía ben: “Nunca houbo unha muller coma Gilda”. Ninguén entendía que a censura española, que estaba no seu apoxeo, permitise semellante volcán, tanto desbordamento de sensualidade e beleza, sedución e masoquismo como o contido dunha película que xa escandalizara na súa estrea americana. E iso sen contar co citado striptease, quizais o máis excitante e erótico de cantos se filmaron nunca. Para min incluso moito máis que o de Kim Basinger en “Nove semanas e media” (1986).

A película pasou a censura e con ela chegou o descontrol: fotógrafos estafadores que vendían fotos de mulleres espidas coa cara da Hayworth, dando a entender que a versión española estaba censurada e na orixinal había nudez integral; os ultras lanzando tinteiros sobre a pantalla do cine; beatas que rezaban á entrada da sala e así unha morea de actos que acabaron por crear a Oficina Nacional Clasificadora de Espectáculos para impedir semellante atentado “ós valores patrios”.

Tal impacto non foi só nacional, senón que a súa resonancia foi mundial. A proba é que co nome de Gilda bautizouse unha bomba atómica e a película propiciou unha expedición ós Andes co propósito de soterrar unha copia do filme, entre outras cousas.

Pero o filme, á marxe desa repercusión social, era fermoso e moito máis complexo do que semella. Foi, como “Casablanca” (1942), un produto da improvisación. A Columbia deixou que Charles Vidor, o director, e sobre todo a Rudolph Mate, o fotógrafo, improvisaran, que foran creando a historia, o seu clima, o seu desenlace. Rita Hayworth estaba no seu máximo esplendor, pero “Gilda” comeuse a Rita e xa nunca puido sobrepoñerse. Nese filme chegou á máxima perfección e iso que non estivo moi ben acompañada que digamos, porque Glenn Ford deixa asomar certa inseguridade ante tanta bomba anatómica como era Gilda. Un clásico cinematográfico xa.

Te puede interesar