Opinión

Unha bonita historia?

Aínda non empezara a tomar o café cando se me achegou un cliente para dicirme que como a min me gustaba escribir (a verdade é que adoito facelo sempre ó tomar o café, non tendo periódicos para ler), que tiña unha moi boa historia no cruce dun pouco máis arriba de onde estabamos. Mireino estrañado, claro. Pero non quixo dicir nada máis. Ti vai, foi o que me aconsellou. Fíxenlle caso; tomei axiña o café e marchei.

Cando cheguei ó cruce vin unha pequena aglomeración de xente. Disimuladamente preguntei e, ó mesmo tempo que me sinalaban a un rapaz que estaba sentado no borde da beirarrúa, contáronme que levaba aí cinco días xustos, sen se mover e contemplando un faiado a uns sesenta ou setenta metros (xa sabedes, metro arriba, metro abaixo). Pero ninguén sabía nada máis. Aínda que unha mociña que andaba por alí, ós cachos rosmaba de que o rapaz tiña pinta de estar namorado. Seguro que é o faiado dalgunha namorada del, asegurou.

Eu, que demo, xa que o home do bar me recoñecía como “escritor” (as comiñas son miñas, porque o de escritor é un dicir), quixen aproveitar e presenteime xunto ó rapaz. Díxenlle a verdade: que como levaba aí tanto tempo, semellaba que tal actitude daba para unha bonita historia, pero, claro, tiña que saber o motivo. Deixoume abraiado cando me dixo que non pensaba moverse mentres pola bufarda non asomase ela. Non lle preguntei nada porque entendín todo. Hai amores que semellan esperpénticos, pero non o son. Sorrinlle e deixeino alí, porque alí seguiu.

Te puede interesar