Opinión

Botei de menos a Luis Tosar

Cando nomearon na gala dos Goya ó actor galego Luis Zahera recoñezo que berrei coma cando a Celta mete un deses goles tan necesitados. Luis Zahera hai moito tempo xa que se merece un premio dos grandes. Pero onte botei de menos a Luis Tosar. Porque onte, entre tanta representación galega como houbo este ano nos premios do Cabezón, non se escoitou unha palabra en galego. Ata tiven envexa de Antonio de la Torre reivindicando a súa Andalucía natal. Segue dándonos corte falar en galego do Padornelo para alá. Sempre nos deu apuro. Onde estás, Luis Tosar! Polo demais, a gala tivo os seus momentos emocionantes. Eu, persoalmente, destaco o momento da homenaxe a Chicho Ibáñez Serrador, con grandes directores no escenario. Así mesmo, emocionante empezou sendo o discurso de Jesús Vidal, pero axiña se converteu nun grazas tan repetitivo e tan longo que non quedou outra que esquecerme das primeiras emocións. Este segue a ser o gran problema destes premios: os agradecementos. Non acaban nunca. Son sempre os mesmos. Non hai orixinalidade. E cando empeza a haber algunha, algúns esténdena ata o infinito e máis alá. A gala deste ano, a min, resultoume aburrida, fóra incluso da carraxe galeguista esa. Ai si, un punto a favor: descubrín a Rosalía.

Te puede interesar