Opinión

Cabeza dura

Se remato coa cabeza pode ser gol ou podo romper a parede. Mellor a parede, pois romper a cabeza, non creo. Téñoa dura, moi dura. E aínda que lle diga a todo que si, despois póñolle o rabo ás cereixas cando me peta, ou sexa, fago e desfago ó meu xeito. A ver se alguén vai pensar que me domea. A todos lles digo que si porque queda mellor. Eles quedan contentos, eu non dou máis explicacións, e, ale, despois... Deus dirá. Pero a gran dureza da miña cabeza está no que escribo. Eu ben sei que a moitos non lles gusta o que escribo... politicamente. Cando me insinúan algo, pois o dito, dígolles que si; pero á volta da esquina, á volta da folla, do escrito, deixo que o bolígrafo risque eses pensamentos que, eu mesmo, ás veces, ata confeso que son algo retorcidos, revirados. Teñen que ser! Porque se ve cada cousa. Porque se le cada frase, cada sentenza. A testán non me gana ninguén. Ata a miña probe nai me dicía que lle era o máis rosmón. Falando claro: que lle saín torto. Eu, a ela tamén, máis que a ninguén -por ser nai- dicíalle que si... a todo. Despois xa outro galo me cantara. Cabeciña dura! Certo. Porque aínda que me censuren eu insisto. Unha e outra vez. Antes rompo a parede que a cabeza.

Te puede interesar