Opinión

Calamidades a todo tren

Todos os días da semana pasado amenceron coa pandemia do coronavirus. E en cada día que pase, estes abrentes estarán cheos de medo. Dixen sempre que, este, ou sexa, o medo, será o virus máis grande e máis temible co que nos atoparemos a diario. Moitas veces semella que a este respecto esaxeramos un pouco, pero visto o visto, o asunto empeza a coller unha certa seriedade, un aquel de angustioso. Si, xa sei que a gripe, por agora, mata máis, que outras enfermidades tamén matan máis, pero este covid-19 está liquidando a sacho, a esgalla en moi pouco tempo, e xa se pode dicir que practicamente por todos os lugares do planeta. Confiemos que por aquí pase sen facer moito ruído. Que bastante temos coas nosas calamidades.

Ultimamente é a Renfe ou algo relacionado cos trens os que nos deixan unha que outra calamidade. Aquí, en Galicia, ou mellor aínda, en Ourense, en vez de avanzar, retrocedemos, recuamos. A chegada do AVE é xa o conto de nunca acabar; cada vez se pospón máis, cada vez o tempo vai en contra nosa. Empezo a desconfiar xa de que chego eu antes andando nunha hipotética viaxe arredor do mundo que o AVE á cidade de Ourense. Neste caso ata lle dou un chisco a razón ó noso Núñez Feijóo cando di que non nos enganen con que o AVE chegará no 2021. Ollo ó piollo!, dixen un chisco porque os seus tamén nos enganaron en todas as súas lexislaturas; e foron unhas cantas. En cuestións ferroviarias recuamos de tal maneira que hai uns días Renfe cambiou o tren diúrno que vai ó País Vasco por outro, pero 20 anos máis antigo, ou sexa, que puxo un que estaría xa para o arrastre. E tamén non hai moito que seica un tren hotel tardou 18 horas en chegar a Barcelona. O dito: moito máis rápido eu nas miñas camiñatas.

Como se ve que o asunto vai de calamidades, sigamos logo con outra. A Xunta de Galicia adxudicou por 276.000 euros (que pagamos todos, claro) as 86 ventás que se lle poñerán ó edificio xudicial do Couto, porque hai cinco anos a algúns listiños seica se lles esqueceu tal detalle.

Remato con dous apuntes esperanzadores: que Estados Unidos e os talibáns asinan a paz logo de 19 anos de guerra (loado sexa!), e que a asistencia ás salas de cine creceu un 37% nos últimos seis anos (bendita sexa!)

Te puede interesar