Opinión

Cambios

Opinión

Cambios

Teño frío nas mans porque vai frío. O tempo cambiou. Na vida cambian moitas cousas. Cambia, por exemplo, un tema musical de jazz a outro de blues. Cambian os políticos e cambian os adestradores deportivos. Cambia a eiruga para converterse en bolboreta. Cambian os sentimentos; do amor axiña pasamos ó odio. Cambian os leitos dos ríos cando manipulamos nestes. Cambia a froita de verde a madura. O domingo pasado cambiou a hora. Ata o propio tempo cambia; hai o tempo absoluto, o tempo compartido, o tempo composto, o tempo de paixón, o tempo de fortuna, o tempo xeolóxico, o tempo inmemorial, o tempo medio, o tempo morto, o tempo pascual, o tempo relativo, o tempo verdadeiro, o tempo simple e os tempos heroicos. Todo cambia. Cambia o cuco o lugar da súa crianza. Cambia un resultado deportivo e os berros dunha afección. Cambia o ronsel dun avión e as agullas das vías do ferrocarril. Hai xente que cambia os reloxos dun pulso para o outro. Por veces cambiamos o chiscar de ollos; tan ben o facemos co esquerdo coma co dereito. Cambian de golpe as conversas; do ruxerruxe axiña nos plantamos no silencio. Ou ó revés. Cambia o ritmo dunha canción pola marcha dun atleta. Cambia o sexo cando se excita. Cambian as fases da lúa cada oito días. Oxalá cambiaran as guerras pola paz, a miseria pola fartura, a felicidade polo medo. Cambios sempre haberá. Tenos que haber. Porque o tempo pasa e todo cambia. Ata cambiou este relato; do principio chegou á súa fin