Opinión

Camiño sen fin

Xa vou pola sombra dos castiñeiros e na fin do camiño espero atopar o que busco. Claro que agora mesmo non lembro ben que é o que busco; se unha agulla nun palleiro ou o noso toxo no deserto de Atacama. Vexo alá ó fondo unha curva á dereita e xa me empeza a tremer o corpo; porque nunca sei o que haberá ó pasar a curva. Quizais un amor perdido ou un tempo pasado ou un sentimento oculto ou un corazón escarallado ou un berro afogado ou o silencio sen ruído. Collo a curva á dereita con parsimonia. Pero con medo. Premo os ollos para forzar a vista. Non vexo a fin. Porca miseria! As dúbidas matan. Respiro fondo, profundo, saio da sombra e deixo que o sol queime os meus sentidos. Tira para adiante, amigo, penso. Sigo para adiante. Continúo para adiante. Cada vez se me fai máis longo o camiño. Logo, para máis aquel, vexo que empina. Pouco a pouco. Cada vez é máis costa e custa máis seguir. Non hai dereito a que se me poñan tantos atrancos! Xa estou que boto os bofes. Mais non queda outra. Ármome de valor, poño pinta de heroe e sigo. Á forza hei de atopar o que busco. Máis ou menos empezo a intuír que é o que estou precurando. Non sei, quizais polo ruído do vento ou polo son dun asubío ou polo sen ton nin son dunha gargallada. O caso é que ante os meus ollos debúxase o obxecto que busco. Un obxecto raro, estraño que asoma no meu intelecto. Agora sorrío, subo ó penedo máis alto e berro que a imaxinación é libre. Pero o camiño non ten fin. O obxecto esfúmase. A carraxe fai que me volva sobre os meus pasos para rumiar sobre o que non atopei

Te puede interesar