Opinión

Cantar por cantar

Canto por cantar, pero non sei cantar. Xa mo dicía miña nai. Aínda que, hoxe en día, parece que canta todo o mundo. Todos saben cantar. Desde un “resistiré” ata un “libre” e pasando incluso por unha rancheira. Eu cantaba moito de pequeno, de rapaz, de cando ía para o monte coas vacas. Por iso a nai me dicía que non sabía cantar. Porque me tiña que aturar sempre. Andabamos sementando nas patacas e eu dálle que dálle con Camilo Sesto ou Víctor Manuel. Andabamos xuntando na herba ou collendo a ferraia e eu veña que veña con Karina ou “A saia da Carolina”. Ó volver á casa coas vacas desde o monte Medo, a uns tres quilómetros, aquilo xa era un puro concerto ó aire libre. Percorrer tres mil metros ó paso das vacas dan para moitas cancións. Claro que eses concertos, principalmente os do Medo, non sei agora mesmo se era polo gusto de cantar ou por escorrentar o medo. Porque a miña fama, o meu gusto era chegar canto máis tarde á casa, mellor. Por presumir un pouco. Aínda que me cagase de medo. E entraba en Baños de Molgas, pola Cagalla, a pleno pulmón e con risco de espertar xa a aqueles veciños que se deitaban coas pitas. De rapaz cantaba moito, sen vergoña. Agora o rubor non me deixa porque lle dou a razón á miña nai: non sei cantar. E cantar por cantar tampouco é. Aínda que algúns canten hoxe a esgalla. Que digo algúns... moitos! Tamén é verdade que é moito mellor cantar que chorar. Aínda que se cante mal. E se cantamos para aliviar as penas, ben cantado está e ben cantado queda. Cantemos todos.

Te puede interesar