Opinión

Unha carraxe que mete medo

Subo ó faiado con moita carraxe, aínda que cando vou no medio das escaleiras os folgos xa empezan a pedir unha certa calma, un pouco de parsimonia. Pero esta axiña desaparece cando abro a trapela do faiado e alcanzo o baúl dos recordos. Neste busco e rebusco ata que atopo a pistola. Que carallo, hoxe teñen que rodar cabezas! Pero primeiro limpo a arma ben para que non se atranque; non quero darlle opción de defensa a ninguén. Penso un pouco a quen podo matar. Moi fácil, menos os nenos... que roden cabezas!; sen distinción entre mulleres e homes. Que raio, a levar dafeito! Imos alá. Coloco os auriculares nos oídos, poño música desa forte e abro a porta do portal, agora si, cunha carraxe que mete medo. Estou na rúa. Miro para un lado e miro para o outro. A dirección que colla depende da primeira persoa que vexa. Non vexo a ninguén. Opto pola dereita. Case sempre escollo a esquerda para todo, pero hoxe dáseme pola dereita. Non sei, se alguén quere pensar na política é moi libre de facelo. Ós cincocentos metros sigo sen ver a ninguén. Me cago na puta, que pasa aquí! A ver se non podo despacharme a gusto. A culpa é do puto coronavirus; que a xente aínda ten medo a saír. Ando outros trescentos metros e sigo coas mesmas. Pois non vou poder matar a ninguén! A carraxe é tal que saco a pistola de todas as maneiras e lánzolle catro tiros a un leirón que pasa por alí. Non lle dei! Será posible! Pero a min non me dobrega ninguén: lanzo catro tiros ó aire, e quedo tan pancho. Volvo para a casa coa cabeza gacha. Porca miseria!

Te puede interesar