Opinión

Catro cineastas con estilo persoal

Hoxe aínda non podo falar de ningunha película porque a que vin onte, a da inauguración, no momento en que rematou, xa pechara a edición do xornal. Así é que non queda outra que falar, por exemplo, de catro cineastas ós que o Festival porá o foco na súa obra... porque teñen en común o feito de ser autores cun estilo persoal, independente e que adoitan realizar a maioría das súas obras fóra do lugar no que naceron.

Dos catro, o que semella máis importante é o arxentino Hugo Santiago, que naceu en Bos Aires, e na Universidade desta capital estudou filosofía e literatura. No ano 1959 déronlle unha bolsa de estudos e marchou a París, onde foi por sete anos asistente e discípulo do gran Robert Bresson. Volveu á Arxentina e realizou "Invasión", con guión de Borges e de Bioy Casares. A película é hoxe un raro obxecto de culto, tanto que incluso din que é a máis grande que se ten feito nese país. Hoxe e mañá proxectarase no Teatro Principal.

Mercedes Moncada naceu en 1972, de nai española e pai nicaragüense. Traballou como produtora en publicidade, documentais e películas de ficción. No 2003 dirixiu en México a longametraxe documental "A paixón de María Elena", coa que ganou o premio á mellor película no Festival de Guadalaxara. Desta cineasta proxectaranse cinco películas, tamén desde hoxe.

Camilo Restrepo naceu en Medellín (Colombia) no 1975, pero desde 1999 vive e traballa en París. É membro de L´Abominable, algo así coma un laboratorio independente de cineastas que traballan en celuloide. O traballo de Restrepo explora en múltiples ocasións o uso do arquivo documental e do "found-footing", mesturado con imaxes filmadas polo propio realizador.

E rematamos con María Ruido, paisana nosa, xa que naceu en Pidre, unha aldea de Xinzo de Limia, en 1967. Esta mullerciña dedícase máis a realizar proxectos interdisciplinarios, fundamentalmente a través de vídeo, fotografía e fotomontaxe sobre os dispositivos sociais de elaboración dos nosos corpos, as nosas identidades sexuais e as formas de construción da memoria colectiva e persoal.

Te puede interesar