Opinión

Catro golpes de aixada

Catro golpes de aixada e o soño dun rego que se cría dereito fíxose cachizas. Todos sabemos que nada hai dereito nesta vida que se torce. Sempre se torce. A bomba que ía caer nun arsenal de armas, cae nunha escola de nenos. A velocidade dun coche para presumir ou para chegar axiña, rebenta contra un valado, contra un carballo ou contra un poste de formigón que estaba alí, naquel punto concreto. Catro golpes de aixada e un ril escarallado. Porque hai golpes que fan escachar cousas, incluso o ritmo dun suspiro ou o golpe dun latexo. Sábese que hai aparellos de labranza que che len a cartilla en dúas chantadas e que son capaces, si, de endereitar os regos, pero tamén de torcelos. Como esa vida feliz. Como esa vida escarallada. Catro golpes de aixada e a melancolía dun tempo que xa foi. Agora, a nugalla, torce o sentimento de calquera. A aixada debuxa regos sobre a extensión dunha finca e sobre a pel dunha vida.

Te puede interesar