Opinión

catro máis de verne

Comentaba na última columna cinematográfica que do visionario escritor Julio Verne se levaran ó cine unha boa morea das súas novelas e nese espazo falei en concreto de catro delas, quizais as máis famosas. Pero tamén hai outras catro máis que tiveron o seu éxito. E nestes casos xa se sabe que os éxitos baséanse moito no poder económico, na recadación.

“Os fillos do capitán Grant”, que Robert Stevenson dirixiu en 1962, foi unha das obras máis aventureiras do escritor, que levou ó lector por medio planeta, desde os Andes ata as illas perdidas das Antípodas. A destacar ese penedo que serve de transporte a través dun glaciar e que Spielberg imitaría en “Indiana Jones e o templo maldito” cun bote inchable como medio. Este filme creou todo un subxénero de náufragos e aventuras exóticas que Disney explotou con éxito como “Os robinsóns dos mares do Sur” (1960) ou a recomendable “A illa da fin do mundo”, que o mesmo Robert Stevenson dirixiu en 1974.

“As tribulacións dun chino en China” é unha superprodución europea típica dos sesenta, é dicir, un pouco estrafalaria, imposible e desmedida, con saltos desde Europa a Hong Kong e saturación de exotismo. É unha mestura estraña e case surrealista de humor e acción, cun extraordinario Jean-Paul Belmondo. E sempre nos queda Ursula Andress, unha auténtica sex-symbol da época dourada dos sesenta.

“Na Komete” está sacada da estraña obra de Verne “Hector Servadac”, que dirixiu Karen Zeman en 1970 e na que un cacho da Terra se perde no Universo por culpa dun terrible terremoto, creando un mundo peculiar onde os inimigos quedan illados e o comercio transformado. Obra mestra da imaxinación visual, que volveu demostrar o inmenso talento do director checo á hora de combinar decorados recortables, animación e acción real. Zeman foi o mellor autor que entendeu o espírito de Verne.

“A luz da fin do mundo” é máis un relato de piratas especialmente violento e exótico que a propia liorta por un faro que pode provocar desastres naturais coa súa luz. Nesta si destacan os intérpretes, cun Yul Brynner inmenso facendo de malo, e con Kirk Douglas e Samatha Eggar facendo os seus papeis.

Te puede interesar