Opinión

O Celta necesita un cambio

Étriste, moi triste que eu, precisamente eu, nos últimos partidos do Celta de Vigo desexara que perdera. Porque, perdendo, sempre haberá unha opción de que haxa un cambio drástico para que o equipo intente atopar o seu camiño. O cambio, por suposto, tocaralle ó adestrador porque ninguén vai botar fóra a cinco ou seis xogadores. A ver, sempre defendín a árbitros e adestradores porque sei que intentan facer ben o seu traballo, pero tamén confeso que desde un principio non conseguía ver a Óscar García adestrando ó Celta.

Cando o ficharon fixérono coa intención de mellorar ó equipo vigués. Non obstante, este creo que vai de mal en peor. A temporada pasada librouse por un simple gol (que, por certo, seica o merecía o Leganés) de baixar á segunda división, pero visto o visto nestas nove xornadas que levamos de campionato, esta temporada non o salva nin Rita a Cantaora. A non ser que haxa un cambio xa. Pero xa.

Intento ver os seus partidos (e véxoos), pero en cada un deles a carraxe empeza a desilusionarme porque noto que nin hai xogo, nin espírito, nin nada que se asemelle a un equipo de fútbol que, por xogadores, debería estar polo menos loitando polas competicións europeas. Agora mesmo loita por sobrevivir, e creo que non o conseguirá. Porque canto máis se meta no pozo, máis lle custará saír del.

E de pouco vale que Iago Aspas intente subir o equipo ás costas se non hai ninguén que o axude. O señor Mouriño ten que deixarse de andrómenas e poñerse a actuar. Se nun ano (crin oír no partido do venres entre o Elche-Celta que Óscar García cumpría precisamente un ano como adestrador) alguén non consegue mellorar algo, enténdese que ese alguén non vale. É certo que lle hai que dar unha certa marxe a calquera, pero, no fútbol, un ano non está mal. O Celta de Vigo, ante o cadro de xogadores que ten, creo que necesita un adestrador con garantías, con certo “caché”, cousa que o adestrador actual non ten. Dóeme confesalo pero o venres desexaba que o Celta perdese para que o botasen. O equipo necesita un aliciente, algo que lles faga cambiar a dinámica desa inercia negativa que levan.

Te puede interesar