Opinión

Censura sexual

Arede social feisbuq retira un anuncio de cebolas por consideralo sexual. Aí queda iso! Tal anuncio seica amosa unha morea de cebolas nun cesto de vimbio e unha aparece cortada pola metade, onde, parece ser, está a carga sexual. Por moito que miro á cebola partida, non hai maneira!, non me excita! Estarei capado. Será a idade. Ás veces non queda outra que rir por non chorar. Aínda que tampouco me sorprende moito. 

A min xa me teñen “castigado” por dúas veces porque quixen publicar uns carteis cinematográficos (quizais máis coñecidos por carátulas) sobre dúas películas. Carteis que, por suposto, cando estrearon as películas nos cines, se expuxeron nos taboleiros de anuncios, nas paredes ou nas portas das salas cinematográficas á vista de todo o mundo. Lembro que nun dos carteis asomaba unha muller na que se lle intuía (que non é o mesmo que ver) un peito ó descuberto. Os que me coñecen desa rede social saben perfectamente que estou subindo sempre carteis cinematográficos ó meu muro. Pois ben, algún méteme no cuarto de estudo porque non sei se mo rexeitarán ou non. E tamén máis dun tiven que renegar del (por se aquel) e optar por outro no que nin tan sequera se “insinuase” nada de nada. 

Ante isto, a min a moralidade do feisbuq dáme moito por aquel. Pois é unha moralidade estúpida, ridícula e sen sentido. E non quero meterme xa no aspecto moral de moitos que rexeitan publicacións ou películas nas que asoman palabras ou imaxes relacionadas co sexo. Se semella que aínda estamos peor ca nos anos da pera, onde era pecado falar da sexualidade. E así pasaba o que pasaba.

Te puede interesar