Opinión

Céntimos por euros

Por fin o pobo labrego empeza a poñerse en pé de guerra. Non con tantos fouciños, gadañas ou forquitas coma antes, pero si con tractores e moita carraxe. Xa era hora! Claro que, aínda son poucos. A pobre Estremadura e pouco máis. Oxalá, pouco a pouco, se unan as demais comunidades autónomas. Porque a base dun país está na agricultura. E a subsistencia. Mal que lle pese a algúns. Lembro hai uns anos, cando me encerrei (cuns cantos viticultores) na Delegación do Medio Rural de Ourense, que a certos “compañeiros” lles pareceu mal que fixese iso, por pertencer eu a esa Delegación. Non conseguían asimilar que, un servidor, era funcionario polas mañás e labrego polas tardes. Xa me pasara tamén unha vez que criticara neste mesmo xornal á, entón, conselleira do Medio Rural; que como era capaz de escribir en contra da miña “gran xefa”? Tamén seguían sen asimilar que fose funcionario polas mañás, labrego polas tardes e presunto escritor polas noites. A ninguén lle deberían molestar as críticas cando se lles di que fan as cousas mal. Porque na agricultura e na gandaría sempre se fixo todo mal, e sempre foi o medio de vida peor pagado, polo menos neste país. Debiamos entender que non procede ese embrollo, ese embeleño existente nos prezos, obrigados polas redes de distribución, ou sexa, a gran diferenza de venta desde o produtor ata o consumidor. O labrego non pode vender un produto a base de céntimos para, logo, mercalo  a base de euros. O Estado ten que tomar cartas no asunto. Pero xa! E se non, que se prepare para a guerra.

Te puede interesar