Opinión

Chegou sen facer ruído

Xeralmente opinamos que o tempo pasa voando, máis veces que se comentamos que isto ou aquilo avanza con lentitude. É certo que o tempo pasa voando menos para un servidor cando se fala do Festival de Cine de Ourense. Deus, semella que non chega nunca tal evento! E, non obstante, chegou. E como chega! Seica con máis calidade e, o que é mellor, sen polémica. Case se pode dicir que chegou silencioso, que chegou sen facer ruído. O que demostra que tal ruído non procede do propio cine, senón dos politiqueos que se desenvolven coma se fosen guerras de guerrilla.

Sobre a calidade é certo que se saberá tan só ó final. Pero hai que confiar un chisco neses olladores, neses programadores que presumen de que si vai haber calidade este ano. Dáme que vai ser verdade. Quizais porque amo tanto o cine que me chega cunha simple boa escena para quedar contento. É que hai escenas, ou frases, ou olladas cinematográficas, ou encadres, ou actuacións, ou argumentos que valen por todo un mundo. Temos 218 longametraxes de 70 países (51 pertencentes a España), nos que haberá que descubrir algo dese momento que vale un mundo. Seguro que algún instante aparece entre tanto filme! E, xa digo, con pouquiños momentos síntome feliz.

E de prórroga, principalmente para aqueles que anden á caza de “famoseo”, aínda nos queda o poder contemplar e escoitar a Carlos Bardem e a Emilio Martínez-Lázaro. A maiores, ou ben por medio de xuntanzas ou ben por medio de estudos, sempre nos quedará o bico doce de saber algo máis da importancia da sétima arte. Ale, a vivir nove días nesta fábrica de soños cinematográfica.

Te puede interesar