Opinión

Cine e asesores

Ogran acontecemento semanal da nosa provincia foi sen ningunha dúbida a 24 edición do Festival Internacional de Cine de Ourense, o cal, e aínda sen datos definitivos, penso eu que foi todo un éxito, polo menos na calidade dos filmes. Levo moitos anos cubrindo o festival para este xornal e nunca me pasara o de chegar á asistencia dunha película e atoparme co letreiro de “esgotadas as entradas”. Este año semella que onde máis se puxo ese rótulo foi coa película galega “O que arde”. Pero o cheo nas salas alcanzou tamén a outras películas, incluso estranxeiras. Creo que definitivamente aquí empeza o auténtico impulso a este acontecemento cinematográfico que, para o ano que vén, cumprirá xa 25 anos de existencia. Un cuarto de século, que non é cousa de rir. Ou o que é o mesmo, vodas de prata.

Se agora retomo o vieiro de analizar ou comentar outras novas semanais, atópome con que o alcalde de Ourense recoñece que se gastará un diñeiral en contratar asesores, pero que merecerá a pena. Claro, como non vai merecer a pena! Para os asesores seguro que si! Non obstante, o que non me cadra ben é o significado de asesores: quere dicir que os que están de concelleiros non teñen nin idea? Un asesor ou dous ou tres, como moito, vale; pero unha morea deles dá a entender que os que están aí están por estar. Non sigo co asunto, a ver se me ameazan por sacar estas multas, digo, estas cousas na prensa Por certo, non fai falta mirar para Venezuela, por exemplo, cando temos a algúns ben cerca que pensan que todo o mar é peixe, que todo son fanecas.

Ultradereitas boicotean o pase da película “Mentres dure a guerra”, de Alejandro Amenábar. Pobres infelices, están a facerlle un favor á película: canto máis se fale dela, máis xente vai a vela. Non saben que o peor insulto é a ignorancia. Lembro cando estrearan “A derradeira tentación de Cristo”, de Martin Scorsese, que, a base de rezos ante as portas dos cines, a recadación foille vento en popa a unha película que non é das mellores dese xenio cinematográfico. Pero somos tan inocentiños, inocentiños...

Epílogo: nas eleccións do 10 de novembro arderán as igrexas, digo, as urnas.

Te puede interesar