Opinión

Cine puro

O máis atractivo do filme “Beast” (2018), ademais do seu excelente tratamento visual, radica no honesto achegamento cara á psicoloxía feminina, elemento que potencia a identificación coas penas e angustias da protagonista. Porque “Beast” mantén uns perspectiva feminina fresca e moi sincera, cunha notable actuación de Jessie Buckley.

O filme lévanos á comunidade dunha pequena illa, na que unha moza moi problemática se namora dun misterioso estraño que lle permite fuxir da súa opresiva familia. E cando el cae baixo a sombra da sospeita por unha serie de brutais asasinatos, ela defenderao ó prezo que sexa, descubrindo dO que é capaz realmente.

O director Michael Pearce estivo sempre impresionado pola historia da “besta de Jersey”, un temido violador de nenos que viviu na illa durante dez anos na década dos 60. E Pearce quixo contar unha historia adoptando o punto de vista dunha muller que podería estar intimamente relacionada co monstro. El escribiu un guión intelixente e inquedo que resolve moi ben, principalmente na primeira hora do filme. Auténtico drama psicolóxico, ben levado, que pouco a pouco aumenta a tensión e que fai cuestionar e dubidar como vai acabar. Os dous protagonistas (John Flynn e Jessie Buckley) teñen boa química. Ela, como dixen, está portentosa, asoma como unha forza da natureza neste fibroso thriller psicolóxico.

Michael Pearce engade o excelente manexo dos tempos dramáticos, polo que configura unha narración que navega moi comodamente tanto polo espazo íntimo e amoroso dos personaxes principais como pola posterior condena pública, difícil de asimilar para a protagonista, polo seu carácter violento e directo. Á súa vez, a película expón as miserias dun pobo que, tras unha máscara de suposta cordialidade e bos modais, esconde os demos que levamos dentro, o que se percibe en todas as escenas nas que Jessie Buckley se amosa en sociedade coa súa parella.

Rematando, “Beast” xoga a confundirnos e pon en dúbida moito do que vemos na pantalla. Pero todo o que vemos é cine puro.

Te puede interesar