Opinión

O clixé dun personaxe molgués

Sempre intento sacar á palestra boas novas sobre Baños de Molgas, pero entendo que, ás veces, non queda outra que contar tamén o revés do meu concello, o polo negativo dun desexo, dos meus desexos, é dicir, o clixé ou anverso dun personaxe molgués. Tal personaxe, Francisco Movilla, estaba de recluso no penal ou fortaleza do Hacho. A fortaleza do monte Hacho atópase a uns 200 metros de altitude sobre o monte do mesmo nome, dentro do termo territorial da cidade autónoma de Ceuta. Tal recinto semella que ten unha orixe antiga, quizais da época romana ou bizantina, os portugueses conservaron a edificación e a construción actual débese ós españois entre os séculos XVIII e XIX. No 1814, reinando Fernando VII, foi cando pasou a un penal. E no 1912 saíron del os derradeiros reclusos. O que significa que a historia de Francisco Movilla é de primeiros do século XX, antes do 1912.

En concreto, o personaxe molgués asoma nas crónicas o 2 de marzo de 1908. Porque uns días antes, cando o preso baixaba do Hacho co obxecto de que o recoñeceran no hospital penitenciario, seica armou a do demo e a mona, armou un desencravo. Logo das probas médicas e acompañado polo celador Francisco Ruiz decidiron entrar nunha taberna, onde beberon ata emborracharse a máis non poder. Cando saíron á rúa da Marina asomaron os típicos xestos e palabras da embriaguez, ou sexa, a liorta. Achegóuselles o confinado Sebastián Fernández para poñer paz na algarada. Mal feito!, foi o que máis cobrou. E cobrou dúas puñaladas dunha enorme faca que Movilla levaba consigo non se sabía onde. Naquilo, tamén chegou para calmar os ánimos e levalos ó penal outro celador chamado Vicente Vega. Pois semellantes feitos: dúas puñaladas da besta Movilla na rexión abdominal. Ós feridos trasladáronos ó hospital. Sebastián Fernández faleceu axiña e Vicente Vega entrou en estado agónico.

O suceso causou emoción e barullo en Ceuta, polo detalle de que non é normal que certos presos anden soltos polas rúas coma se foran persoas normais. E hai que recoñecer que Francisco Movilla, e a pesar de ser estudante de medicina, non era normal. Non podía ser normal cando estaba cumprindo condena por cometer a friorenta de nove asasinatos. Aí é nada!

Te puede interesar