Opinión

Co bonito que é ser funcionario!

Estou canso. Toda unha tarde facéndolle picas a unhas estacas de mimosas. Unhas estacas que me levou outra tarde (a de onte) cortalas. Cortar aínda as cortei coa motoserra, pero para facerlle as picas houbo que botar man da machada e da poda. Coa machada axiña asomou unha vinchoca na man esquerda e a pesar de usar uns bos guantes. Ás vinchocas e ós callos estou acostumado, pero non así ó proído de cando rebenta a bóchega. Proe de raio! As estacas eran gordas, demasiado gordas. E menos mal que aínda me axudou a muller. Suxeitándomas. Aguantando os golpes, os estremecementos daquelas sobre o seu ombreiro. Estou canso. Do traballo labrego. Co bonito que é ser funcionario! Deberiamos de traballar tamén polas tardes. Si, así tiñamos máis tempo para ler os xornais e tomar máis cafés, non si? E non rompería os riles na Costa da Gándara. E non me doería o lombo. E non me queixaría. Tan só algunha vez doe a cabeza, e punto. Cando algún paisano se pon un pouco ou un moito pesado. Tranquilos, trato con xente boa. Con xente á que aprecio e quero. Co bonito que é ser funcionario!

Te puede interesar