Opinión

Co Capitán Trueno ó lombo

Pousa e pousa no ronsel do avión que cae e na velocidade da ollada que mira e non ve. O de mirar e non ver lémbrame a aqueles profesores que ó estar escribindo no encerado, revolvíanse coma lóstregos para ver se así pillaban a algún cativo coas correspondentes trasnadas. A reviravolta era tan veloz que imposible que vise algo. Claro que o susto dábano e era este o que ás veces te traizoaba. Menos mal que un servidor case nunca vía esas reviravoltas vertixinosas porque estaba coa ollada gacha, a ler a novela do Oeste de Marcial Lafuente Estefanía ou o cómic do Capitán Trueno que tiña entre as pernas. Non obstante, unha vez, unha monxiña moi aguda debeulle chamar a atención que eu e o compañeiro tivésemos as cabezas case pegadas ás pernas (a do compañeiro moito peor, porque tiña que ladearse para ler) e acabou descubrindo o asunto. Colleu o conto do Capitán Trueno, rachouno pola metade, pillou dous alfinetes deses que traen na cofia ou touca e espichóunolos nas costas, na roupa, ó mesmo tempo que nos mandaba ó director. O castigo foi o escarnio de andar por todo o colexio cos cachos do cómic colgados e quedarnos sen unha ponte festiva.

Te puede interesar