Opinión

Coa angustia dun suspiro

Coa angustia dun suspiro baixo as pestanas dos ollos e penso nunha folla de calendario que marca os días nos que a cor vermella marca o paso dun descanso. Pero non hai descanso na vida dun inocente que loita contra a indiferenza dun poder corrupto e desalmado. Cada vez que a man esquerda refrega os ollos, un latexo divino golpea na conciencia daqueles que pensan que todo se atopa á volta da esquina. Pero non hai volta de folla no ritmo constante dunha xenreira. Non todos temos a alma en sosego; a algúns nádalle no bulleiro da inmisericordia.

Querer vencer a un desexo que vai moito máis alá da rúa dos soños é como asubiar un rock and roll no alto dun campanario. Este tan só anuncia o requiescat in pace dun morto que non volverá. Coa angustia dun suspiro un verso ben escrito pode ser o camiño de salvación daquel que semella que leva o espírito maligno dentro. Hai moitos que levan o espírito maligno dentro. De aí que o poema intente versificar a historia dunha bondade reflectida no compás dunha mirada, dunha ollada chea de tenrura e de consolo.

Te puede interesar