Opinión

Coas botas cheas de soños

Que bonito é soñar cos Reis Magos! Canta ilusión fai pensar nos Reis Magos! A noite do xoves ó venres deixeille as dúas botas xunto á porta a ver se caía algo, se caía a bicoca. Deixeille as dúas, por se acaso, por se non querían deixar algo na esquerda que o deixasen na dereita. Deixeillas ata as doce da mañá, por aquilo de se se atrasaban, xa que entendía que tiñan unha noite de moita trasfega. Nin ás doce da mañá, nin nas dúas había nada de nada. Non hai dereito, me cago no mundo! Os Reis Magos é unha quimera! Lembro que de rapaz non recibía nada porque non quererían pasar pola corte. Igual luxaban os mocasíns. Agora non recibo nada de nada porque vivo nun piso sen ascensor e, os moi cabritos, non quererán subir escaleiras. E iso que vivo nun primeiro. Estou convencido de que se nunca recibín agasallos foi por eses dous inconvenientes. Porque creo que son un bo molgués, coas botas cheas de soños e con toda a ilusión do mundo posta neles. Pero non hai tu tía. De rapaz incluso era tan inocente que todo o que ganaba cantando os reis, de parviño, dáballo á nai. Xa non vía unha cadela, claro. Había algún ano que, sabendo que logo non vería un can, mentres os cantaba, mercaba un paquete de Celtas ou de Peninsulares e fumábao enteiro, non fose que logo o atopase a nai. Era o único agasallo que recibía deses Reis Magos que son tan cómodos que non se luxan nunha corte nin se cansan ó subir unhas escaleiras. O peor de todo é que aínda sigo crendo neles. Para o ano que ben déixolle unhas sandalias, a ver...

Te puede interesar