Opinión

Coma un estouro de felicidade

Coido que o silencio dunha laverca semella bastante ó ruxerruxe dun sapoconcho á velocidade de Usaín Bolt ou de Carl Lewis. Tamén o ergutío dun mozo que está no alto do Outeiro do Corno baixa mansiño por Entreloríos e o Alto da Pitediña para que alguén, calquera veciño de Baños de Molgas, o escoite desde a carreira dos Poulos. Hai xente que pensa que é fácil e sinxelo outear o horizonte para divisar a brillantez que asoma nos ollos dunha curuxa. É moi difícil. Porque ás veces as distancias son enormes, os horizontes son eternos. Hai xente que disimula cando non ve, sen se decatar que palpan os coiros de pita que puxo alguén logo dun forte esbirro. Tal esbirro puido proceder cando o autor destas palabras (ou outra persoa calquera, aínda que non pronunciase ou escribise palabras) mirou cara ó sol, e foi aí, nese momento, cando semellou que as súas entrañas rebentaban. Ás veces o sol é traizoeiro de carallo. Coido que a cor da flor do toxo semella bastante á ascensión dun foguete que se lanzou á hora de rezar o santo, santo, santo na misa maior do patrón parroquial, ou sexa, do San Salvador de Baños de Molgas. O foguete, cando non puido subir máis, estourou. Foi nese momento cando se pode dicir que a miña alma (repito, a miña alma, e non a de ninguén máis) ascendeu ós ceos. Mellor aínda: foi coma un estouro de felicidade.

Te puede interesar