Opinión

Comer como unha gaivota

O reloxo marcaba a unha do mediodía e Lázaro Elezar Suárez tiña présa, moita présa. Dentro dunha hora tiña que chegar ó Outeiro Miau para cortar uns piornos na leira que estaba á beira dereita da estrada. Estaba a máis de 30 quilómetros de Nocelo, no concello de Baños de Molgas. Así é que Lázaro dispúxose a comer como unha gaivota, ou sexa, ás présas. Non sei se o conseguirá. O de comer como unha gaivota. Porque Lázaro Elezar Suárez era, quizais, a persoa máis lenta comendo de toda a contorna. Incluso, para máis aquel, entre prato e prato, adoitaba fumar un cigarro. Pero neses momentos o noso protagonista deixou aparcado o paquete de tabaco e tan só puxo sobre a mesa un prato de caldo, con algunhas codias de pan á beira. Non sei se o homiño coñecía as gaivotas (era do interior, interior dunha aldea dunha provincia sen mar), pero si aseguro que hoxe comeu coma elas; e a pesar de que o prato de caldo fumegaba de carallo. Claro que cando rematou, Lázaro Elezar suaba coma un carneiro. Ós 50 minutos empezaba a cortar os piornos de Outeiro Miau.

Te puede interesar