Opinión

Como unha pluma de paxaro

Acicloxénese “Miguel” fixo que parte do tellado do polideportivo de Baños de Molgas realizase o baile de San Vito. Que seica o levantou como a unha pluma de paxaro. A borrasca “Miguel” semella que fixo dano na provincia de Ourense. Aínda que eu, vendo tal cicloxénese, ou ben me coincidiu nun momento no que estaría pechado en algún lugar (coche, cafetaría ou casa) ou ben que o dano que fixo foi porque certas cousas non están tan seguras como se pensan. Perdón, como se deixan. Porque eu sigo denunciando que certas obras foxen da calidade por arte de encantamento, ou sexa, pola arte do aforro por parte dos contratistas. Non é normal que, por exemplo, nese mesmo pavillón de Baños de Molgas o aire levante o tellado cando semella que o repuxeran facía pouco máis dun ano. De tan mala calidade era? Ou é que se lle escapou á seguranza? Ademais, se vos fixades, estes desastres sempre acontecen en recintos das administracións, que pagan as administracións: pavillóns, colexios, residencias. E o que é peor, en recintos que, moitas veces, albergan ou aloxan unha enorme cantidade de xente. Menos mal que no de Baños de Molgas non había ninguén. Porque tamén é verdade que, ultimamente, o seu uso disque brillaba pola súa ausencia. E sempre se dixo que, o que non se coida, acaba caendo.

Te puede interesar