Opinión

Conflito dunha ruptura

Oaclamado novelista e guionista británico William Nicholson, que non se atrevera a poñerse detrás da cámara desde hai 23 anos, desde 1997, a causa do fiasco que acadou coa súa ópera prima “Á luz do lume”, volve, non obstante, cun filme íntimo que trata das relacións, as rupturas e as necesidades humanas. Falamos de “Regreso a Hope Gap”, película a concurso nesta 25 edición do Festival de Cine de Ourense. Xa só que fose polos seus dous protagonistas principais, Annette Bening e Bill Nighy, xa merecía a pena perder uns 100 minutos de tempo. Eses dous actores son, na ficción, un matrimonio que a primeira vista semella bastante normal, pero axiña se nota que algo falla. Pasada pouco máis de media hora do inicio do filme, o home remata co matrimonio e a muller terá que lidar e batallar como poida coa fin dunha relación de moitos anos.

O director, Nicholson (por certo, guionista de, entre outras, “Terras de penumbra”, “Gladiator” e “Os miserables” en versión do 2012), debuxa a unha Annette Bening como unha persoa de trato difícil, demandante nas súas expectativas, crente e ante todo inconformista coa situación. Mentres que pola contra, Bill Nighy desprende tranquilidade e ó mesmo tempo un sentimento de fartura pasiva que o leva a tomar a decisión máis radical da súa vida.

“Regreso a Hope Gap” vén sendo lenta e conservadora, case como unha obra de teatro filmada (outro por certo, William Nicholson adapta a súa propia peza teatral), pero tamén bastante máis sutil e madura que o típico drama sobre relacións. A destacar tamén a capacidade de Nicholson para provocar a gargallada en situacións e diálogos que, se se miran intensa ou friamente, non deberían deixar asomar ningún sorriso.

Como dixo o xurado oficial do festival de cine de Barcelona, a película é “unha intelixente e profunda reflexión sobre o conflito dunha ruptura e a dor dunha parella que hai moitos anos que están xuntos, nun relato de soidade, falta de lealdade, desconfianza e medo á morte, subliñada ou resaltada por uns textos intelixentes e poéticos que explican perfectamente a historia”. Boa película.

Te puede interesar