Opinión

Contra o sistema

A película “A muller da montaña”, do islandés Benedikt Erlingsson, posúe un equilibrio dinámico entre varios xéneros: comedia, drama, suspense de acción trepidante, distanciamento cun pouco de fábula, realismo contemporáneo na loita contra a destrución do planeta e o vínculo profundo entre a sabedoría ancestral do corpo e o poder viquingo. En resumo, unha obra feminista que non escatima en temas para reflexionar, que ten unha embalaxe moi divertida e que non se toma demasiado en serio a si mesma.

O director Erlingsson, que explota á perfección os decorados naturais do seu país, dirixe unha película vibrante, física e cunha posta en escena brillante, onde a protagonista debe sortear drones e ovellas para defender o seu ideal. “A muller da montaña” é ó mesmo tempo unha mensaxe e unha chamada á resistencia para salvar a natureza da avaricia industrial, e desdramatiza o seu propósito cun trío de músicos que acompañan a acción. O filme narra a historia de Halla, unha profesora de canto nun coro que nos seus tempos libres dedícase a sabotar ás empresas enerxéticas nun intento de manifestar a súa preocupación pola situación de deriva ambiental que atravesa o planeta. Esa primeira liña argumental presenta unha adicional que se opón. A protagonista presentou os formularios para poder adoptar a un neno hai algúns anos. Ofrécenlle a posibilidade de acoller a unha nena ucraína. Entón chocan a actitude destrutiva de Halla polo medio ambiente contra a actitude maternal que é profundamente creadora.

E con estas dúas frontes psicolóxicas, Benedikt Erlingsson formula un relato onde o tema e o motivo volven ser os protagonistas, sen que un oculte ó outro. O tema do individuo e a natureza emerxe na loita de Halla contra o sistema.

Máxica, enigmática, divertida, utópica e certamente con alma de conto e corpo de comedia, a película envólvenos na loita solitaria dunha muller contra a conversión da súa illa, do seu país, da súa sociedade. Filme agradable e intelixente que sabe como tratar os temas globais importantes con humor e un sentido satisfactorio da xustiza. A actriz Halldóra Geirharðsdóttir está que se sae.

Te puede interesar