Opinión

Contra todo prognóstico

Comentaba a semana pasada ó falar dese mito ibérico chamado Sara Montiel que o seu traballo na película “O último cuplé” (1957) merecía unha columna cinematográfica á parte. Porque a Saritísima realizou ese filme máis por amizade e gratitude que por diñeiro. Aproveitando unha viaxe a España por vacacións e antes de que empezara a rodar a cinta americana “Yuma”, Sara Montiel quixo devolverlle o favor a Juan de Orduña, que nove anos antes este contribuíu a dar a coñecer á protagonista desta columna co filme “Loucura de amor” (1948). Tal favor devolveulle tan axiña como soubo que Concha Piquer rexeitara interpretar as cancións da película, pois a primeira intención de Orduña foi darlle o papel á Piquer.

“O último cuplé” era unha película tan modesta que o propio director (e produtor) tivo que malvender para rematar a rodaxe. Baste con dicir que os decorados eran de cartón e algúns vestidos de papel. Porén contra todo prognóstico, a estrea do filme foi clamorosa. Quizais porque Sara Montiel incluía números musicais cunha voz rumorosa e grave, totalmente oposta ó ton atiplado ou agudo de Raquel Meller, Imperio Argentina e outras estrelas españolas da canción. A proba é que as súas interpretacións de “Fumando espero” e “O relicario” aínda se lembran hoxe, principalmente a primeira.

O filme mantívose en cartel durante máis dun ano e distribuíuse por múltiples países de Europa e América, afianzando a unha Sara Montiel como sex-symbol e tamén como cantante. A actriz aproveitou a ocasión e asinou contratos multimillonarios para interpretar películas de producións europeas que a converteron na estrela de fala española mellor pagada da década. Ante isto decidiu non volver a Hollywood, xa que tiña medo que pola súa orixe hispana a seguirían condicionando nos papeis a interpretar.

“O último cuplé” deixa asomar o enorme nivel que o cine español da época alcanzou en algúns aspectos técnicos É especialmente salientable o traballo de dirección artística de Sigfredo Burmann, que en complicidade co operador José Fernández de Aguayo, ofrece unha ampla e colorista gama de interiores de época.

Te puede interesar