Opinión

Corrín...e lembrei

Pois si. Queren arrefriar os pés pero non os deixo. Bótome a correr ata que se encete un calcañar, ou ata que me encolla coa dor dunha deda do pé dereito, que ten algo así como unha corcova, unha chepa, ou sexa, que está dobrado, quizais roto. Quedou nesa postura desde que, de rapaz, e mentres xogabamos ó fútbol nas canchas de tenis dos Campos, en vez de lle arrear ó balón lle zoupei a unha columna, a un poste de granito duns dous ou tres metros de altura, dos que suxeitan o aramado, a tea metálica que cerca a pista de tenis. Nese momento vin as estrelas, claro. Logo, para máis aquel, e a maiores da dor, foi a carallada, a mofa que se pegaron os amigos. Tamén a quen se lle ocorre non atinar cun balón de fútbol! Se aínda fora unha pelota de tenis. Ou un bote de latón. Porque co bote de latón tamén xogabamos ó fútbol. A ver!, non sempre se tiña un balón de fútbol. Un balón de coiro, claro. Porque, antigamente, ós balóns non se lles chamaba balóns de fútbol, senón de coiro. E para as nosas posibilidades económicas eran caros. Que digo!, estaban imposibles, prohibitivos! Se había algún era dun fillo de “señoritos” ou fillo de emigrantes; e o balón tiña que durar a tira e máis. De aí que moitos balóns de coiro estivesen cosidos e recosidos. Así é que cando non había (por falta de balón ou por non comparecer o dono do balón), non quedaba outra que esmagar ou estrullar un bote de latón e, ale, dálle que dálle! Pois si. Xa non teño os pés fríos porque corrín. E para vencer a dor, lembrei tempos aqueles.

Te puede interesar