Opinión

Corrixindo erros

Ai logo!, vese que de fútbol algo entendo. Pedía o luns pasado que Carlos Mouriño, o presidente do Celta, actuase canto máis axiña mellor se non quería ver ó seu equipiño na segunda división. E semella que me fixo caso: ese mesmo luns (ou ó día seguinte, xa non lembro ben) destituíu ó adestrador Óscar García. Agora xa temos ó arxentino Eduardo Coudet, O Chacho. Nunhas semaniñas saberemos xa definitivamente se o mal do Celta estaba no anterior adestrador ou nos propios xogadores. Se por un aquel o Celta non levantara cabeza, non me importa entoar o mea culpa por ir contra Óscar García. Eu, sinceramente, non o vía como adestrador do equipo vigués; pero ó mellor sae aquilo de “vale máis o malo coñecido que o bo por coñecer”. Vai ti saber! O fútbol tamén ten o seu aquel, o seu misterio.

Como o seu aquel teñen os malditos nomes que se lles adoita poñer ás rúas das vilas e cidades en plan de “peloteo”, de querer quedar ben. Explico: resulta que Pontevedra vaille retirar a unhas das súas avenidas o nome de Juan Carlos I. Porque este personaxe xa non é o que era. Este home pasou de ser “campechano”, sincero, cordial e salvador da patria a ladrón, saído e fuxitivo. Queremos ser tan pelotiñas que, tan axiña como destaca alguén en calquera asunto ou materia, zas, celebrámoslle homenaxes a darlle cun sacho, sen antes pescudar se realmente merecía esas homenaxes. 

Se nas homenaxes eran bos e xenerosos, agora son pederastas ou maltratadores ou ladróns. Maldita sexa a nosa impaciencia! E co fácil que é o de nomear as rúas sen comprometerse con nada nin con ninguén: que se nesa rúa hai un penedo, pois a Rúa do Penedo; que se ó abrir esa vía se atoparon cunha morea de xestas, pois a Avenida das Xestas. Ademais, todos sabemos moi ben que cada localidade ten os seus sitios cos seus correspondentes nomes: que se Pedradarcas, que se Cachopas, que se Piuales, que se Soutiños. Ata se pode dar a opción de poñerlles nomes de paxaros ou de animais ou de peixes ou de obxectos, e non habería que andar cambiándoos cada certas épocas porque tal personaxe era daquela maneira e despois descubriuse que era destoutra. Que se Franco era o Xeneralísimo, agora é o fascista. Que se Fidel Castro era o revolucionario, despois pasou a ser o ditador. Que se fixeramos ben as cousas, non habería que corrixir os erros.

Te puede interesar