Opinión

Cos ollos pechados

As mellores cousas sempre suceden cos ollos pechados. Cando estou quieto, claro. Porque se me movo, o máis seguro é que me esnafre. Cos ollos pechados incluso podo ver voar un elefante ou bailar eu mesmo sobre o dedo maimiño da man esquerda. Podo presenciar como un sorriso pode abarcar todo un universo ou como a Perla Negra de Jack Sparrow navega por todos os océanos. Cos ollos pechados escoito a música de Ennio Morricone e ata me vexo capaz de dicir que xa pode acabar o mundo. Podo tamén voar coa “paloma negra” de Chavela Vargas ou mirar para un balcón a ver se me cae algún xamón.

Cos ollos pechados elimino sen voltas todas as guerras que hai polo mundo. Co das guerras estou hoxe algo sensible: onte vin unha película sobre o primeiro xenocidio do século XX, o dos turcos contra o pobo armenio, e quedei un pouco tocado. Por iso é que cos ollos pechados intento imaxinar que iso non existiu e que vivo nunha galaxia tan afastada que ata son feliz. Sabendo, que o da felicidade é moi relativo. Porque non sempre se poden ter os ollos pechados. Por veces ata case é mellor vivir nun mundo ás escuras para que certa claridade non nos delate, para que certo resplandor non nos mate. Cos ollos pechados soño con que o lector peche tamén os seus e diga: a felicidade consiste en pasar á páxina seguinte... e seguir.

Te puede interesar