Opinión

No cubil dunha alucinación

Deixo caer a persiana dos ollos e penso no “Hey You” de Fink Floyd. Boto a correr polas corredoiras dos soños cun arco e unhas frechas para matar ós biosbardos do conto que escribín días atrás. Síntome coma un Rambo cando chouto e disparo, cando berro e sangro. Nun momento dado, quedo sen inimigos e non sei que facer neste mundo de parvos. Marcharía para unha illa deserta, pero alí sentiríame só e co desespero aniñando nos meus pensamentos. Porque, ás veces, penso. Penso en como matar o universo. Sigo coa música subida á miña chepa e cos sentimentos bailando baixo a  monotonía dos responsos que se recitan nun cemiterio, en calquera cemiterio. Deixo que a suor brote do meu esforzo, do meu traballo, do meu sacrificio. De cando me esforzo por non facer nada, de cando traballo mentres estou deitado e de cando me sacrifico polo que non me interesa, polo que non me importa. Pero sempre fun un sentimental que plasmei a vida en recantos escondidos entre as liñas dun poema ou dunha canción ou dunha novela. 

Agora cada quen que descubra a verdade ou a mentira dun asunto, dunha invención, dunha realidade. Deixo que se me vexa a sorriso que impera nunha realidade ficticia ou que se me escoite tras un berro seco. Quizais sexa mellor oulear que berrar. Pero oulear tan só oulean os lobos. Claro que, por veces, son o lobo que se deita no cubil dunha alucinación. E aquí quedarei coma un Rambo esgotado, sen sentir as pernas e co fociño torcido... lembrando, simplemente recordando. No cubil dunha alucinación sinto o agarimo do tempo, do meu tempo.

Te puede interesar