Opinión

Culpa do guión

O filme “O último golpe” (2004) é a ópera prima do guionista das coñecidas películas “Atrápame se podes” (2002) e “A terminal” (2004), ambas as dúas dirixidas por Steven Spielberg. Imaxino que ante estes dous éxitos pensaría que se probaba el a dirixir ó mellor acadaba o mesmo éxito destas. Así é que Jeff Nathanson fíxoo. Non obstante, unha comedia que semellaba elegante perdeuse en imprecisións, precisamente, do guión, a maiores de que se lle nota que lle falta garra, chispa. Menos mal que non é o primeiro guionista de elite que esvara, que se escorrega ó dar o gran salto á dirección. Non todos poden ser Steven Spielberg. Neste caso, a súa sombra foi moi longa.

Na liña do David Mamet de “State and main” (2000), pero sen a súa carga de vitríolo, a película está ambientada nos preparativos dunha rodaxe que en realidade non existe, pois só é un cebo, unha ensenrada creada pola policía para atrapar a uns mafiosos relacionados co sindicato de camións de Hollywood. Por certo, o filme está baseado en feitos reais.

Jeff Nathanson quixo aproveitar para falar de temas que coñece a fondo, como son as paranoias das actrices, as neuroses dos actores, as dificultades dun guionista que traballa como encargado dunha sala de cine, etc), pero, ironías da vida, esmendréllaselle todo á hora de plasmar nunha pantalla o que desenvolveu na súa cabeza, primeiro, e nun papel, despois.

“O último golpe” quere ser alta comedia, coa súa correspondente crítica aceda ou amarga, pero fáltalle ritmo en cada escena, en cada retruque, en cada efecto cómico coa intención de facer rir. En tal caso, soltamos un leve sorriso, e menos mal. A metraxe discorre sen querer facerlle dano a ninguén, pero non sabe manter nin a intriga nin a tensión por aquilo de concentrarse máis na comedia, e, ó final, nin arre nin xo, nin unha cousa nin outra. O director nin tan sequera soubo aproveitar a un bo conxunto de actores, desde Matthew Broderick ata Joan Cusack, pasando por Toni Collette, Alec Baldwin e Calista Flockhart, entre outras e outros. Tampouco a música de Rolfe Kent consegue salvar o insalvable.

Te puede interesar