Opinión

Cursos para emigrantes

Sempre dixen que a emigración quizais sexa a peor desgracia dun país. Non hai nada máis terrible que deixar o teu lugar de nacemento, a túa infancia, a túa vida, precisamente para poder vivir. O noso foi sempre -e temo que seguirá sendo- un país emigrante. E como o sabemos, ás veces, intentamos, ou mellor dito, intentabamos aliviar ou axudar un chisco a eses que se marchaban para que souberan desenvolverse polo mundo adiante. Na prensa do mes de xaneiro de 1968 asomaba unha noticia relacionada con este asunto. Resulta que en Os Milagres e en Baños de Molgas estaba a celebrarse un curso de formación profesional, humana e ambiental para emigrantes. Tal curso estaba organizado polo Instituto de Emigración, co que colaboraba o programa de  Promoción Profesional Obreira. Así como uns 315 futuros emigrantes (90 en Os Milagres e 225 en Baños de Molgas) recibiron as ensinanzas que os converterían en albaneis, carpinteiros, encofradores, así como as correspondentes ensinanzas a cultura xeral e ambientación sobre usos e costumes do país ó que pensaban emigrar, que nese caso era Francia. Tamén lles ensinaban o idioma e outros temas relacionados coas lexislacións de ambos países; o francés e o noso. A maiores do curso, os emigrantes percibiron un xornal diario de 96 pesetas e se era casado un sobresoldo de cargas familiares. O aloxamento e a manutención foron gratuítos. Estas axudas non evitaban a realidade dun pobo, unha realidade miserenta e triste, moi triste. A emigración é coma unha caída ó inferno.

Te puede interesar