Opinión

Da broma á calamidade

O tempo pasa e todo cambia. O que empezou como unha broma ou, como moito, como un pequeno susto pasou, un ano máis tarde, a unha calamidade, a unha traxedia, a un esperpento, a unha pandemia que non remata nunca. Levamos xa un ano con caras de medo, cos corazóns nun puño e con temor a que isto non acabe nunca. A Covid-19 veu a cambiarnos a vida do dereito para o revés. Eramos felices e non o sabiamos.

Lembro aquela angustia dos primeiros días a saír a mercar o pan ou o periódico, e non polo feito de que puidera pillar o mal (un sempre confía en que a nós nunca nos tocará), senón pola pena que me daba a xente, a situación de cruzarnos nunha rúa. Desde uns metros antes xa notabas aquel temor nas olladas polo futuro cruzamento; un ou o outro podiamos ser portadores do mal e había que evitalo. Así é que non quedaba outra que apartarse como almas que leva o demo e fuxir dun contacto humano por se aquel. Aquelas fuxidas e aqueles temores nas olladas, xunto co silencio que imperaba nas rúas, foron de tal impresión que nin nos pensamentos máis ficticios imaxinaba un esa situación. Pero aínda así, o asunto colliámolo máis ou menos a broma. Axudaba o tema das máscaras ou bozos ou carantoñas, os encerros nas casas e as ansias dos cafés e cervexas. Non obstante, segundo pasaban os días, os sorrisos convertéronse pouco a pouco en rictos de preocupación para uns e, si, en bágoas para outros, para aqueles que, demasiado rapidamente, perderon ós seus seres queridos.

Intentamos sacar o heroe que levamos dentro ás oito da tarde con aqueles famosos aplausos que... mirade se o tempo pasa e todo cambia, que xusto agora mesmo acabo de ler que aumentou a agresividade contra os médicos. Dos aplausos axiña pasamos ás labazadas. Díxose sempre: do amor ó odio vai un suspiro. E no ser humano ata creo que con medio suspiro é suficiente para facer brotar o demo que levamos dentro.

Durante un ano o coronavirus trouxo o mellor e o peor do carácter humano. Así é que a ver se a vacina nos volve á situación de sempre, onde, por certo, seguiremos ter o mellor e o peor. Pero polo menos andaremos sen bozos na cara e poderemos pararnos a saudar ó amigo, ó veciño, ó compañeiro. Oxalá a vacina elimine ese medo ós cruzamentos e esa angustia nas olladas.

Te puede interesar