Opinión

Dándolle a razón a Sabina

Nesta época que estamos vivindo, moitas veces teño que pensar intensamente para situarme no día exacto. Boto man dun calendario e de que me vale se non sei que día estou buscando. Que importa que sinale tal ou cal día se non sei se é martes, mércores ou xoves. E iso que non debería ter moitos problemas a este respecto, pois son deses que datan moitas cousas: se vexo unha película (e practicamente véxoa todos os días) levo un listado no que anoto o día, a canle e se a vin en versión orixinal subtitulada; levo algo así coma unha axenda ou diario no que vou día a día anotando o que haxa que anotar; e practicamente veño escribindo algo todos os días para este xornal no que, cando gardo os escritos para min, anoto onde os escribín e a data. Ou sexa, que debería non errar nunca na busca do día no que vivo. Pois hoxe tiven que pensar moito e preguntarlle a un fillo cando estabamos xantando se era mércores ou non. É mércores, 29 de abril. Non queda outra que darlle a razón a Joaquín Sabina; que este ano roubáronnos o mes de abril. E a primavera no Corte Inglés. Non somos ninguén! Eramos felices e non o sabiamos. Non obstante, esta felicidade axiña volverá á nós. Como volverá a rutina á nosa vida e con esta non queda outra que programarse (estes días tan só nos programamos para asistir ás cociñas, ós salóns e ós dormitorios), e xa programados, que remedio queda en botar mellor man do pensamento para saber en que día vivimos.

Te puede interesar