Daría miña vida

Daría miña vida

Eu daría a miña vida, non por Roberto Carlos, senón pola levitación dun soño, ou polo voo dunha rula. O voo dunha rula sempre nos leva por esas corredoiras que se enchen de sentimentos entre portelo e portelo. Hai rulas que voan con tanta elegancia que non queda outra que amalas. Si, así de sinxelo. E de bonito. Eu daría a miña vida por bailar na crista dunha onda e desde ela axexar o sorriso de alguén que te aprecia. Sempre haberá alguén que está ó outro lado dos desexos. Aínda que despois, un salouco ou un lamento quede colgado por entre as nubes brancas do ceo. Pero mentres o salaio non asome, todo o demais é bonito.

É tan bonito como a curvatura dun círculo. Eu daría a miña vida para aboiar sobre as augas do Atlántico e que, pasiño a pasiño, onda a onda, milla a milla me leven ata o sur da miña esperanza. Din que a esperanza é o último que se perde. E quen falou de perdela! Perder só queda perdido o espellismo do que non imaxinamos. Pero, ai Deus!, co lindo que é imaxinar, supoñer, idear. Co bonito que é cantar versos que rimen sobre a concepción dun sentimento ou dunha sensación. Porque hai sensacións que me levan máis alá da levitación dese soño, do meu soño. Eu daría miña vida por afogar no alento dunha rula. E non son Roberto Carlos.