Opinión

De intensa humanidade

Un percorrido que se mete nas montañas de Boyacá da inicio a “Señorita María, a faldra da montaña”, unha viaxe en primeira persoa onde, ó final, se atopa unha muller de costas, a fin do noso camiño e o inicio da historia. Así foi como o director Rubén Mendoza atopou por primeira vez á señorita María, a unha beira da estrada no pobo de Boavita. Durante dous anos, achegouse á muller recluída e esquiva, envolta sobre si mesma, e foina esfollando pouco a pouco coa cámara en man.

Recluída porque a protagonista, que nacera como home, decide ós 18 anos deixar os pantalóns e afrontar o mundo para dicir que era e que sempre se sentira unha muller. Ten 45 anos e está viva de milagre. Colombia é un país violento con quen pensa diferente ou con quen se sae da norma. O seu pobo, conservador e católico, apartouna. Tivo que marxinarse e aferrarse a que ocorrera un milagre. No medio da súa soidade atopou a forza para non quebrar, para ser digna e valente nun país no que ser muller e campesiña é de por si motivo de exclusión.

A película descobre o factor humano da súa protagonista cunha ollada entrañable, a pesar das dificultades que narra o documental. Desde a coquetería inicial, que revela o seu corpo rebuldeiro cando avanza choutando sobre as pedras dun regato, ata a despedida final, que a abandona de novo á súa soidade. Seguir á señorita nos seus matices, coñecer a súa tenrura e a súa dor, achéganos a unha historia que non deixa de ser insólita cando o campo e a súa rudeza masculina permiten supoñer o que pasaría a heroica María Luisa na súa biografía, dignificándose a si mesma ante os prexuízos.

O plano misterioso da señorita partindo gallas, co arco da vella ó fondo, ou a imaxe que parece sacralizala, cando o mesmo arco da vella a enmarca e ela ensina o seu rostro de tímida serenidade ante a cámara, ten unha beleza dramática impresionante. Rubén Mendoza empregou seis anos para rodar un documental perturbador e de intensa humanidade.

Te puede interesar