Opinión

Debaixo dun camastro

Raimunde Divino Olleros está sentado debaixo dun canastro da Aira de Arriba. Escoitando música. Agora mesmo está a soar un tema do compositor cinematográfico Jerry Goldsmith. A Raimunde Divino chámanlle O Amén, porque é fillo do Sandiós. Tamén é fillo de Heladia Gresca Lozano, A Purísima. Alguén pensará que esta familia está moi achegada ó catolicismo. Poida que si. Vivir viven á beira da igrexa de Baños de Molgas. A igrexa de Baños de Molgas ten unha torre moi alta. Tan alta que, un día, O Amén quixo subir ata o campanario pero coa intención de botarse abaixo. Salvouse porque a chave da porta das escaleiras tena o sacristán, O Sabino, e como sabe que o pobre rapaz Raimunde non regula ben, non llas deixou, claro. Díxolle que as chaves tíñaas o señor cura, que estaba nun enterro nunha parroquia doutro concello. Raimunde Divino, O Amén, foi mastigar a rabia por debaixo do canastro da Aira de Arriba. E menos mal que, pouco a pouco, a música foino amansando. De algo ten que valer iso de que a música amansa ás feras. O Amén non é que sexa unha fera, pero... é certo que, ás veces, se lle vai un pouco o sentido. Realmente un moito. Pero tampouco o quero degradar tanto. Pobriño, xa bastante ten. El segue sentado e escoitando música.

Te puede interesar