Opinión

O deporte de masas... Amorfas

Xa sei que o fútbol é o rei en todo por antonomasia e que tamén está visto como o deporte de masas, usando esta expresión en plan depectivo ou cun ton ofensivo, algo así como se foramos masa amorfa. Non consigo asimilar ben isto; o de a mala fama que ten en plan “cultureta”. Semella que o que é “culto” non pode gustarlle o fútbol e ó que lle gusta o fútbol non pode ser unha persoa “con cultura”.

A ver, non me teño por culto e sei tamén que nono son. Pero si aseguro que leo moito, que escribo moito, que vou a exposicións de todo o que se poida expoñer nunha cidade pequena como a nosa, que vexo cine e teatro, que estou sempre coa música nos oídos, que me gustan todas as artes... (dáse a entender que as artes seica son as que lle dan cultura a unha persoa), e, mirade por onde, gústame a fútbol a rabiar. O mércores vin ó Sevilla, o venres vin a Selección Galega, onte vin a final da Copa do Rei e, se a virxe dos Milagres quere, o sábado verei a final da Liga de Campións. Ah si; e desexando que empece a Eurocopa para poder ver todo o que poida. Penso que non me volvín paspán nin parvo nin burro.

Entre medias lin, escribín, vin algunha película, boteille unha ollada ós xornais e non insultei a ninguén. A maiores de que, cada un, divírtese como pode. Uns soñan cos biosbardos, outros con abrazar a lúa (ou sexa, cos biosbardos), outros correndo detrás dun boi, outros vendo como colga un peixe dun anzol, outros correndo porque queren baixar a barriga, e outros pensando nesa masa amorfa que se rebaixa ó máis baixo da sociedade porque se lle deu por ir a un campo de fútbol ou contemplar na televisión a 22 papalastráns correndo detrás dun balón. Que viva o fútbol! e... que viva a cultura!

Te puede interesar