Opinión

Desde un balcón

Collo unha cadeira do salón e pásoa ó balcón. Sento. Contemplo o luscofusco dun tempo que se vai. Tamén marchou a señardade para acocharse detrás dun outeiro, aínda que, ó mellor, igual era unha matogueira. A bocanoite xa non deixaba ver máis alá dun sentimento. Ó mellor era un pensamento. É igual. Sigo a contemplar algo na distancia e escoito o ouleo dun lobo. Ó mellor era un bramido dun corzo. Na distancia, alá onde marca a marxe un recio carballo, vexo por entre as súas gallas algo así como unhas nubes cheas de filosofía. Ó mellor era unha apotegma que caía dun suspiro ou dun salaio, que é o mesmo. Deixo que a perna esquerda cabalgue sobre a dereita (mentres eu teña coñecemento, xamais na vida a dereita se porá enriba da esquerda), ó mesmo tempo que asoma un sorriso pillabán porque, alá, no distanciamento, unha rula faime sinais de amor cunha á. O que fai ás veces unha simple á! Demo negro, foi un espellismo! Reláxome e deixo que a música de Maurice Jarre penetre polos meus oídos. Ó mellor é Ennio Morricone. Ergo da cadeira, asento as mans sobre a varanda do balcón e berro. Por fin berro! Tanta parvada de sentimentos nin o carallo! Berro polo infinito e máis alá! Polo universo sen fin! Pola galaxia máis afastada! Berro polos astronautas! Sento. Quedo en paz.

Te puede interesar