Opinión

Dez días despois

Somos inconformistas. Somos imprevisibles. Somos bipolares. Somos coma os cambios de lúa. Somos felices co que temos e ós dous minutos xa botamos esa felicidade de menos. Ou viceversa: aborrecemos o que estamos facendo e ós dous días ansiamos esas labores. Cando hai moito fútbol chega o momento en que cansa, en que baduamos sobre el; pero no verán, como o estrañamos! Eu mesmo, con estes Pingas, ás veces chego a pensar en que preciso un descanso. Máis agora, que estiven dez días xustos sen escribir ningún (porque tiven que seguir o Festival de Cine de Ourense), estaba ansioso por rematar as críticas cinematográficas para retomar os benditos e malditos Pingas. O de malditos só cando me sinto algo esgotado. Pois a realidade dime que gozo escribíndoos. 

Si, ás veces, custa poñerse sobre o teclado do ordenador na casa ou sobre a folla de papel nos cafés, pero tan axiña como plasmo a primeira frase ou a primeira liña, xa todo sae, máis ou menos, de corrido. Sinceramente, botábaos de menos. Como o fútbol cando non o hai. Como as películas cando levo días sen velas; ou ben porque non podo (xeralmente, porque hai fútbol) ou ben porque as canles televisivas son un auténtico desastre en relación ás proxeccións cinematográficas. Queremos e non queremos. Temos e non queremos. Ansiamos e aborrecemos. Abominamos e anhelamos. Lembro que alguén me dixo un día cando empezou isto da pandemia de que eramos felices e non o sabiamos. Eu, dez días despois, souben que era moi feliz cos Pingas.

Te puede interesar