Opinión

Diálogos brillantes

Contan as crónicas que o gran John Ford empezou sen moito entusiasmo, no 1952, a rodaxe de “Mogambo” (1953). E se o fixo foi máis por coñecer África que pola propia película. Despois resulta que esa historia de paixóns baixo o sol converteuse nunha excelente sesión de cine de aventuras para as tardes domingueiras, e tamén nun fino manual sobre a catadura dos heroes e heroínas fordianos, tan sobradas elas como eles de temperamento e valor. Así como nunha extraordinaria película de triángulos amorosos e demasiadas emocións.

O esencial de “Mogambo” é que se trata dun filme acerca do boas que poden resultar as “nenas malas” e o necias que son as “nenas boas” e de como un “bo mozo” pode errar se non anda atinado na elección, ou sexa, se Clark Gable vai detrás de Ava Gardner ou de Grace Kelly.

Xa que falamos de escoller, John Ford non quería, nun principio, a Ava Gardner para o papel da aventureira con corazón e feridas nel. A súa favorita era a irlandesa Maureen O´Hara. Contra todo prognóstico, a Gardner estivo xenial, ata o punto de que ela mesmo recoñeceu que foi a película da súa vida. Ata o director lle deixou improvisar algúns dos seus substanciosos diálogos; o mellor do filme, por certo.

Tampouco Grace Kelly foi a primeira elección do director para a fina esposa do antropólogo interpretado por Donald Sinden. John Ford quería a Deborah Kerr, que engaiolara ós espectadores dous anos atrás en “As minas do rei Salomón”. Non obstante, como Ava Gardner, ó final estivo espléndida. O de fina esposa tivo o seu aquel: a censura española alterou a dobraxe de “Mogambo” para ocultar o adulterio que Gable intentaba cometer coa Kelly. Ós paspáns dos censores  non se lles ocorreu mellor solución que converter ós personaxes da Kelly e do Sinden (marido e muller na pantalla) en irmáns, co que o adulterio se convertía nun aínda máis morboso incesto. Creo que hoxe, “Mogambo” é máis coñecida por esta falcatruada que pola propia calidade da película, que a ten. Principalmente nas actuacións (incluídos os secundarios) e os diálogos, que eran moi brillantes.

Te puede interesar