Opinión

Os días afogados: un berro á dignidade

Cada vez que vexo ou escoito a palabra encoro asoma á miña cabeza o de Castrelo de Miño. Só ese. En primeiro lugar, porque me impresionara o libro "Morrer en Castrelo de Miño", de Xosé Fernández Ferreiro. En segundo lugar, porque despois, co tempo, acabei casando alá, nese concello. E en terceiro lugar, porque non hai moito que escribín tamén un Testemuñas da Memoria sobre ese pantano. Pero eu ben sei que estamos cheos de embalses. Son famosos aqueles NO-DOS que, por lei, se proxectaban nos cines antes das películas e nos que saía unha e outra vez o Xeneralísimo inaugurando presas. Franco inauguraba encoros a darlle cun sacho. Pensas entón que eran outros tempos, que era o que había, é dicir, unha ditadura tal que lles importaba un carallo o afogar aldeas ou fundir á xente que devecía vendo como as súas posesións, as súas vidas! remataban naquel recanto asolagado.
Pero resulta que chegou a democracia e un pensaba que aí remataban xa esas loitas, eses crebacabezas por unhas posesións que eran túas, nada máis que túas e que, porque si, arrebatábanchas. Mal pensado. Chegaron os anos 80 e 90 e seguiron facéndose encoros. Como o de Lindoso, en Portugal, que anegou, claro, cinco aldeas ourensás: O Vao, Buscalque, A Reloeira, Lantemil e Aceredo. Certo, o embalse de Lindoso xa empezara a ser rumor no ano 1928. Ou sexa, desde ese ano, varias xeracións viviron coa angustia desa futura obra. Que chegou. Claro que chegou. Fíxoo o 8 de xaneiro de 1992 cando cerraron as comportas da presa. Hai xa 26 anos.

Estes dous parágrafos veñen a conto porque o xoves, 18 de xaneiro, na libraría Eixo de Ourense, ás sete e media da tarde, presentouse o documental cinematográfico "Os días afogados", dirixido por César Souto e Luis Avilés. A presentación correu a cargo deste último, do produtor Iván Patiño e o veciño Paco Villalonga. Tal veciño case se pode dicir que foi o impulsor deste documental, o nexo entre as imaxes e a realidade.
Todo empezou cando o outro director, César Souto, tivo que cubrir unha pequena reportaxe para a Televisión de Galicia -na que estaba empregado- sobre precisamente o asolagamento da aldea de Aceredo. Axiña lle contaron que seica había un señor que debía ter o demo de documentos, principalmente visuais, porque sempre andaba cunha cámara desas de 8 mm. gravando de aquí e de alá desde os anos 60, desde que xa se intuía que "a cousa do encoro" agora si que ía en serio. O tal señor era Paco Villalonga. César logo viu que alí había moito máis que unhas simples imaxes de paisaxes e paisanos, do paso do tempo e das actividades. Intuíu tal potencial brutal naquel material doméstico que soubo ó instante que iso había que transformalo en toda unha linguaxe cinematográfica.

CATRO ANOS DE RODAXE

César Souto contactou con Luis Avilés, e como este tamén viu o que se acochaba naquelas imaxes, naquelas gravacións caseiras, puxéronse mans á obra. Viron tal magnitude neses documentos históricos que tomaron o asunto con calma pero sen tregua. A proba é que lles levou catro anos rodar este documental que, aseguro, amosa un marabilloso retrato de amor pola terra e nos fai estremecer con eses berros de dignidade e afouteza desa xente, da nosa xente. 

Quixeron narrar o drama con obxectividade, pero recoñecen que lles custou unha barbaridade porque, unha e outra vez, as emocións emanaban da maioría das imaxes. Non é prato de gusto saber, ver ou sentir como os veciños, nos seus novos domicilios, ó abrir as súas ventás se atopaban coa derrota máis absoluta. É triste ver ós veciños de Buscalque como contemplaban o asolagamento da súa aldea, pois, para máis aquel, tan axiña como pecharon as comportas da presa, empezou a chover con intensidade e durante toda unha semana, polo que nin tempo tiveron de recoller todo. Para acabar de rematala, algúns incluso contemplaron como se afogaban os seus propios animais. Iso é moi forte.

“POR ONDE PASA, ARRASA"

"Os días afogados" está tan ben que se pode dicir moi perfectamente que "por onde pasa, alaga, arrasa" a base de premios e de estreas, de proxeccións. Non calquera documental consegue estrearse nas salas comerciais. Esta marabilla estreouse por toda España e na nosa Comunidade fíxoo... en sete salas!
César Souto Vilanova naceu en 1975 en Noia. Licenciouse en Periodismo na Universidade de Santiago. No 1998 empeza a traballar na Televisión de Galicia cubrindo información para diversos espazos da cadea. Desde o ano 2006 dedícase máis á realización de reportaxes sobre varios aspectos da actualidade política e social galega, española e internacional, primeiro no programa "REC cámara" e despois no espazo "Reporteiros".
Luis Avilés Baquero tamén naceu en Noia. Formouse en dirección e montaxe no Centro de Estudos Cinematográficos de Cataluña. Dirixiu para a TVG os programas "Criaturas" e "Casados". Tamén realizou a curtametraxe "A subela", no 2003, que a Xunta de Galicia elixiu para difundir o audiovisual galego. Director da película "Retornos" -producida por Vaca Films no 2010-, que pasou polos festivais de Montreal, Valladolid e Sâo Paulo, entre outros. Foi finalista do Goya ó mellor director novel.

Te puede interesar