Opinión

Por dicir que non quede

Cando penso moitas veces de dicir algo, despois, dígoo ou non o digo. Segundo como me cadre. Agora mesmo podo dicir que o noso Feijóo dixo que en España gobernan partidos que non queren acatar a Constitución. Iso dixo el. E se digo eu... que Constitución? Porque vós, precisamente vós, os políticos, sodes os primeiros e únicos que non acatades nin tan sequera un mínimo de capítulos e artigos. Que moito predicar e prometer nos mitins, pero despois ninguén segue o simple ditado da Carta Magna, ninguén cumpre con aqueles artigos máis básicos e sinxelos. Dicir dicimos todos. E por dicir que non quede o asunto. Desde logo que non queda. Porque dicimos e...

Tamén podo dicir, porque me cadra, que o Papa dixo que os pecados da carne non son os máis graves. E como van ser! En tal caso son unha bendición de Deus! Non hai pecado máis bonito e máis gozoso que o da carne! Aquí tamén se demostra que dicimos ou falamos por falar. Sinceramente, o sexto mandamento non debería existir. Desde que o mundo é mundo, ese mandamento tiña que estar tachado con típex ou borrado coa punta dun cicel.

E remato dicindo, tamén porque me cadra, que o concello de Castrelo do Val, ou sexa, o seu alcaldiño (que son os que realmente mandan) dixo que os propietarios do gando deben limpar as vías públicas. Porque as vacas seica cagan polas rúas e deixan todo perdido, tanto que pode luxar os seus zapatos de charón cando se dirixa “a traballar” ó concello. E agora definitivamente digo o que dixen e direi sempre: que hai alcaldes e alcaldiños.

Te puede interesar