Opinión

A dispersión das administracións

As administracións públicas en Ourense buscan acabar coa dispersión das súas sedes. Perfecto. Xa era hora; tanto en Ourense como en calquera lugar de España. O espallamento das sedes das administracións sempre foron unha angustia e unha perda de tempo para o paisano de a pé, e, como non, un gasto enorme en arrendamentos que, tamén, claro está, paga o pobre paisano. Traballei na administración e en varias sedes polo que creo saber do que falo. Se poño un exemplo, todos nos entendemos: para presentar unha solicitude de algo, ás veces, tes que ir polo impreso a un lado, cubrilo onde poidas, presentalo noutro lugar e rexistralo nun terceiro porque onde o presentaches só era para mirar se estaba ben cuberto ou non.

Así é que tan axiña como lin esa nova no xornal levei unha gran alegría. Claro que a alegría na casa do pobre xa sabemos todos que dura pouco. Porque a Xunta, en principio, xa opta (estamos no caso de Ourense) pola antiga biblioteca e o PAC que se atopan na rúa Concello. O que significa que se na dispersión perdías o tempo indo dunha administración a outra, dun despacho a outro, agora perderás o tempo buscándote a vida para aparcar. Non sei que será peor: se o remedio ou a enfermidade.

Ó meu entender, todas as administracións si deberían estar xuntas pero nun lugar nas aforas da cidade e facilitando, iso si, un bo acceso de transporte, con autobuses circulando cada dous por tres e con aparcadoiros (gratuítos, ollo ó dato) para os vehículos particulares. Digo gratuítos porque bastante ten o paisano con perder unha mañá de traballo por un simple papel.

Te puede interesar