Opinión

Do palleiro ó canastro

Quero choutar desde o alto dun palleiro ó tellado dun canastro, pero estou sentado nunha cadeira. Nunha cadeira de madeira e medio escangallada, polo que non quero facer ningún estraño movemento para que non se esmendrelle por completo. Esta é a escusa perfecta para dicir que a nugalla é a dona e señora do meu corpo. Non me levanto eu nin tan sequera para achegarme ata o propio palleiro. Como para subirme logo ó seu pico. Así é que deixo que a nugalla se estenda pola Aira de Arriba e o pensamento furgue por entre os pés dos canastros e por entre o silencio que planea ás catro da tarde e baixo un sol potente, abrasador, sufocante. Estou sentado á sombra. É bonito soñar que chouto dun palleiro ó canastro. Aínda é máis bonito deixar que o tempo pase sen facer nada. Ou pensar que podo acometer a aventura soñada ó revés, ou sexa, brincar do canastro ó palleiro. Nada, simplemente para cambiar un pouco... a dirección, o pensamento; incluso o movemento dunha pálpebra. É que, sinceramente, con esta nugalla téntame o sono e váiseme a vida contemplando un palleiro que non se move e un canastro que fai sombra. Intento cruzar as pernas para moverme e isto recórdame a aquel conto no que un home subía ata un pequeno outeiro para oulear de ansiedade e, por que non, a causa do medo. Medo a que?, a quen? Medo a un desexo que non se cumpre ou medo a unha figura que non se ve. Pero sen afouteza non valemos para nada. Así é que, subo ó palleiro e chouto ó tellado do canastro. Alí berro e ouleo.

Te puede interesar